Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

O señor Pepe, de San Pedro de Visma: “Acórdome das casas de antes: os Maceiras, o Fariseu, os Méndez, os Queifás, o Perrachica, …”

Pepe 03

Ao señor Pepe entrevistámolo no verán do 2011, un día soleado ao carón da Igrexa de San Pedro de Visma. Falamos con el das lembranzas de cando era neno, e dos cambios que a súa parroquia fora experimentando no devalar dos anos.

– Nacín aquí en Visma, no lugar de Loureiro, no ano 37. Na partida figura o 18 de abril, aínda que miña nai me dicía que nacera o 10. Cousas que pasaban daquela.

– Lembro unha historia de vai facer agora igual 65 anos, un día de sol, moi bo, o día do patrón. Eu era un chaval e aquel día mercara unha caixa de mistos e con ela prendinlle lume, sen que ninguén me vise, a un campo perto da festa. A cousa fóiseme das mans e ardeu a herba, as silvas, e levei un bo susto, pero a perda non foi grande. Aínda así a xente enfadouse e buscou ao culpable, mais eu marchei para a casa e non dixen nada. Ninguén me descobreu.

– Acórdome ben das casas das familias de antes, de aquí de Visma. Os Maceiras da Agramela, por exemplo, eran unha familia poderosa, por así dicilo. Lémbrome ben de Chico Maceiras, que andaba mirando as súas propiedades polos campos, tamén de Juanito, que andaba con media dúcia de vacas á corda, amarradas, … Tamén lembro sentir falar dun home que morrera moi novo, ao que chamaban o Fariseu. Eu non o cheguei a coñecer. Penso que era Parga Rodríguez de apelido. Dos Labreixos, dos Queifás -que viñeran da zona de Hércules-, doutras casas, non sei, …

– Eu de mozo ía ás festas a San Pedro de Nós, a Carballo, … Daquela nas festas había “madeira”, tiñas que ir con coidado. Os festeiros, moitos deles, eran mariñeiros. E había familias famosas. Os dos Méndez, por exemplo, tiñan fama de ser parrandeiros. Había un señor que bebía moita augardente, chamábanlle O Patrón, e ás veces a xente xa lle poñía auga en vez de licor no vaso, mais el dábase conta e dicía: “Non, isto non rasca”.

– Nos anos da posguerra acórdome de andar nos petos con migallas de pan de broa, pasouse mal. Os que tiñan algunha terriña comían dela e aínda gardaban algo para vender. Os mariñeiros pasárono peor, pasáronas canutas. Foi dura aquela época, do 40 ata o 53 ou así. Hoxe a xente ten roupa e roupa na casa, daquela tiñas unha ou dúas mudas, e facías por elas. As mulleres ían lavar a un regato que había na Agramela. Tamén había que ir por auga, e por debaixo de onde agora está o Ágora pasaba un regato que supoño que  irá entubado.

– Aquí había un señor que chamaban o Perrachica, que era carpinteiro. Ao Perrachica faltábanlle as dúas pernas, e traía dúas pernas de madeira como atadas polos lados, non che sei como dicir. A min de pequeno dábame medo. Morréralle a muller e tivo que sacar el adiante aos tres fillos que tiveran.

– Toda esta zona cambiou moito, moito. Xa na época da emigración a Europa, que deu bastante vida. E nos últimos anos tamén. Non sei, cada un mira por si e a min paréceme que aquí se constrúe moito. Iso do Ágora a ver en que dá, non sei.

Advertisements

Acerca de xavier campos

Traballo na Biblioteca Ágora, da Coruña. Interésame todo o que ten a ver coa cultura como ferramenta para o cambio social. Creo nunha Biblioteca que mire máis alá de si mesma.

6 comentarios en “O señor Pepe, de San Pedro de Visma: “Acórdome das casas de antes: os Maceiras, o Fariseu, os Méndez, os Queifás, o Perrachica, …”

  1. Eu nacín tamén en Loureiro en outubro do ano 45 e lémbrome de todos ese alcumes dos que fala o Sr. Pepe, lembrome que a él camabánlle “o calderilla” ninguén se libraba dun alcume, a miña familia conociase polos do “Palleiro” ese era o alcume de meu avó. Eran tempos moi duros, menos mal que os labrégos sempre tíñamos unhas patacas para comer e un pouco de leita das vacas.

    • xavieragora
      Xuño 5, 2013

      Moitas grazas pola información! A verdade é que lembrar cales eran as casas “de antes”, os alcumes de cada casa, as familias, … é un exercicio ben bonito para reconstruír a memoria das parroquias. Anímate a escribirnos máis datos e lembranzas que teñas doutras épocas en Visma, que seguro que son do agrado das e dos lectores deste blog.

  2. No lugar de Loureiro había dúas tabernas, unha se chamaba “O Rakú” e estaba na zona conocida polo “Cantón” a carón da casa onde vivía o Sr. Pepe, esa taberna coiido que ainda existe tiña unhas estanterías cheas de trofeos conqueridos nas regatas pola trainera “María del Carmen” na que os remeiros eran os mariñeiros da parroquia endurecidos porque daquela iban o mar a remo dende o “Portiño”, lembro moi remotamente que a primeiros dos cincoente gañaron a Copa do Generalisimo que se celebraba en agosto na bahia da Coruña, Acórdome que aquela tarde houbo bombas de palenque e unha tremenda festa. Outra taberna chamábase “Os Catro Ventos” e estaba na carretera que saía da Igrexia de San Pedro cara o portiño, nas últimas casas da esquerda. Diante das dúas tabernas, lémbrome que había partidos de “chave” os domingos pola tarde.

  3. xavieragora
    Xuño 7, 2013

    Ola!
    Sería ben bonito poder facer unha entrada no blog sobre as tabernas de antes. E se tiveramos algunha foto delas xa sería fantástico! Igual te animas?

    • pedrodevisma
      Xuño 7, 2013

      Estas cousas que conto son historias dos anos 5o eu nacin no 45 e como se pode supoñer, en aqueles anos ninguén tiña en San Pedro unha cámara de fotos, ás únicas que se teñen de aqueles tempos se facían nos cantóns polos fotografias que había alí e nos xardíns de Méndez Nuñez.
      Con respecto de tascas había outras en San Pedro, xa mas abaixo de Loureiro, na zona onde agora está o túnel da 3ª Ronda. Estaba o Bar El Recreo que ademais de ber vendía materiales os mariñeiros, e unhos metros mas abaixo a tenda de Rivas atendida pola Sra. Carmen que ademáis de taberna vendia algúns comestibles, logo xa máis abaixo perto de donde agora pasa a Ronda de Outeiro, estaban o Estanco, o Bar Mesía (mon sei si se chamaba así en aquel tempo) o levaba unha señora que chamaban a “Meigota” y tamén o Bodegón onde lembro que se xogaban partidas de Lotería (o que se xoga hoxe no bingo).os edificios onde estaban estos tres aínda están de pé e podense facer fotos, si interesan as fago e volas mando. O rakú ainda está funcionando, creo.

  4. Pingback: Vós sodes quen sabedes | Suma Ágora

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Información

Esta entrada foi publicada o Marzo 25, 2013 por en Conversas con...,Espazos,Persoas,San Pedro de Visma .
%d bloggers like this: