Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

Fernando Sandy: “Saín dunha Katanga para meterme noutra”

Fernando Sandy 25

Fernando Sandy, no momento no que se fixo esta entrevista, era o presidente da Asociación de Emigrantes Guineoecuatorianos en Galicia, con local no Ventorrillo. O tempo pasa e as vidas mudan. Actualmente Fernando vive en Ferrol e xa non ten relación con ese colectivo que con tanto esforzo puxera en marcha. Traemos aquí, ao blog Suma ágora, as palabras e reflexións dun veciño de noso durante máis de 10 anos.

– Chámome Fernando Sandy Silebo e cheguei a España o 24 de decembro de 2003, en pleno inverno, cunha man diante e outra detrás, como se soe dicir. Cando cheguei viña sen papeis, pero afortunadamente acabei conseguíndoos, e instaleime moi cedo no Ventorrillo. Agora xa non vivo aquí, pero botei anos neste lugar.

– Unha cousa curiosa é que eu son dun lugar de Guinea, Baney, no que hai un barrio que se chama Katanga. Cando cheguei e vin que a xente lle chamaba a esta zona Katanga pensei “veño dunha Katanga para outra”. En Guinea, no meu barrio, como aquí, non pasaban dous días sen que aparecese a polícia, mais a xente a min paréceme que é boa, as persoas son boas. Cada barrio é un mundo, pero para min esta zona do Ventorrillo, da Agra, está chea de boa xente. A miña experiencia é positiva. Antes de termos o local as festas e celebracións que faciamos eran na miña casa, abertas a quen quixera, e a xente respondía. Agora temos o local, e neste local temos feito comunións, bautizos, festas, mercadiños, coa axuda da parroquia, da veciñanza, …

– Neste barrio hai moita variedade de inmigrantes, especialmente latinoamericanos. Antes eu non distinguía entre un peruano ou un brasileiro, agora si. Á xente pásalle igual cos negros. Venme a min e pensan que son senegalés, non distinguen entre senegaleses, cameruneses, guineanos… Nunca tiven problemas con ninguén, nunca.

– Cando alguén chega como inmigrante o primeiro que precisa é un lugar onde durmir, iso é o primeiro. Hoxe en día xa non hai inmigrantes tirados na rúa, porque tentamos axudarlle a atopar a alguén do seu pobo ou algún albergue. O traballo é complicado de atopar, non hai traballo para ninguén. Na recepción por parte da xente de aquí hai de todo, a verdade. A maioría ben, sen problema, pero hai de todo.

Fernando Sandy 24

– Desde a asociación fixemos exposicións e actividades para difusión da cultura guineana, unha Expo Bantú Galicia con bailes, comida, música, … aberta á xente da Coruña, con idea de dar a coñecer a nosa cultura e identidade. Celebramos tamén o 15 de agosto un concerto intercultural co resto de colectivos de inmigrantes no parque de Santa Margarita, é o Día do Emigrante e queremos celebralo. Aquí ensaiou un grupo de nenas, que se chaman Hijas de Bisila, e que son guineanas, galegas, peruanas, senegalesas, … hai multiculturalidade e iso é o que nos interesa.

– Cando Bodipo xogaba no Dépor contactamos con el e desde aquela temos moita relación. Todas as fins de ano, a través da súa Fundación Rodolfo Bodipo, mándanos víveres, agasallos e materiais para que nós repartamos ás persoas que atendemos aquí. El ten esa fundación en Guinea. Agora xa non está no Depor, pero seguimos tendo a súa axuda e contacto.

– O Ágora debe ser un espazo de todas e de todos, no que todos os colectivos e entidades estean presentes. Este barrio é xa moi grande e precisa un sitio para ver, para distraerse, para aprender e para convivir socialmente. É un centro social no que podemos xuntarnos todas e todos, podemos entrar aí e falar o que cadaquén pensa e opina. Temos que estar nel, achegar un pouquiño da nosa identidade.

Advertisements

Acerca de xavier campos

Traballo na Biblioteca Ágora, da Coruña. Interésame todo o que ten a ver coa cultura como ferramenta para o cambio social. Creo nunha Biblioteca que mire máis alá de si mesma.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: