Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

Os nenos deciden

+PARQUE 003

No remate do pasado ano desde a Biblioteca Ágora desenvolvemos unha iniciativa da que temos dado conta neste mesmo blog: un par de roteiros –un para público adulto e outro para infantil- polos nosos barrios, pensados co obxectivo de sabermos máis dos lugares nos que vivimos e de coñecermos un pouquiño mellor a súa historia e a memoria persoal da súa veciñanza. Deste xeito, durante o desenvolvemento dos mesmos foron aparecendo anécdotas e historias diversas, fomos descubrindo as características principais das diferentes zonas e fomos tamén coñecendo persoas vinculadas a elas de xeito especial, a través da súa experiencia de vida ou de traballo.

Se cadra unha das iniciativas máis bonitas das vinculadas aos roteiros foi a visita cos nenos e nenas do Roteiro infantil ao Observatorio Meteorolóxico situado no corazón da Agra do Orzán, no punto máis elevado do barrio. Os terreos que ocupa esta entidade están desde hai anos no centro do debate público, por conformaren unha das poucas bolsas de solo con posibilidades para seren destinadas a usos abertos e públicos. Sabedores desta realidade, os nosos bolseiros Javier e Lucía -que deseñaron o percorrido e coordinaron o roteiro- pensaron na posibilidade de preguntar aos nenos e nenas, unha vez situados alí, no Observatorio,  polos usos que darían eles a aquel espazo. As respostas, que foron escribindo en diferentes post-it, como é fácil de imaxinar non nos deixan indiferentes.

1. Aqui sempre fomos moi deportistas. Así denominamos un dos paneis da exposición Suma Ágora, na que nos achegabamos aos clubes e á práctica física existente na nosa contorna. O futuro semella que vai resultar semellante neste sentido, porque se algo suxiren os nosos nenos e nenas para o Parque do Observatorio é …instalacións deportivas!!!

O do campo de fútbol é indiscutible, por moito que Riazor estea pertiño. Xera absoluta unanimidade entre os nenos e tamén se apuntan á petición un bo número de nenas. Nos graos de ambición da proposta xa aparecen variacións: hai quen simplemente solicita “unas porterías para jugar” e hai quen directamente plantexa a necesidade facer as cousas sen escatimar nos medios, e polo tanto construír “un estadio de Santiago Bernabeu, columpios, estadio de fútbol sala y también un pequeño parque acuático”. Obsérvese que o neno en cuestión é claramente consciente da crise económica que atravesamos e, en consecuencia, ao se referir ao parque acuático modula claramente a petición e asume con pragmatismo que un de tamaño pequeno podería resultar suficiente.  Mais non só de fútbol vive a infancia. A diversidade deportiva é ampla e acolle modalidades ben diferentes. Hai quen ve filmes americanos e pide un campo de beisbol, hai quen aspira a ser futura estrela do hoquei no Liceo e pide unha cancha nova, hai quen se conforma cunhas canastras de baloncesto, quen solicita unhas redes de volei, …

Un neno sintetiza no seu post-it tanta ambición e solicita “unas porterias de fútbol,canastas de baloncesto, zonas libres, zona de adiestramiento de perros, zona de fotografía y de pic-nic” . A referencia aos cans e ao pic-nic énos ben útil para pasarmos ao seguinte bloque maioritario de peticións: o que ten como protagonista aos nosos amigos caninos.

+PARQUE 002

2. Chuchos de barrio.  Xa temos comentado tamén neste blog a presenza destacada que as cadeliñas, cans, cadelos, chuchos, … teñen na nosa zona, felizmente. Os nenos e nenas de primaria dos nosos coles semellan compartir connosco devoción, porque ao pé das peticións deportivas están aquelas que teñen como protagonistas principais aos nosos “chuchos” de barrio.

Exemplo: Jennifer de 5ªB quere “un parque para perros con juegos para ellos,como cuerdas o pelotas y cosas de ejercicio”. Unha compañeira súa concreta igualmente “una zona para los perros con pelotitas y todo”. A maioría, con todo, non descende na descrición das características e sinala simplemente que o que de verdade é preciso e estaría xenial xenial sería contar con “un parque para perros”.

+PARQUE 001

3. Tempo de lecer …e non só. Como era de agardar, o terceiro bloque temático de peticións céntrase no ámbito do lecer infantil, singularmente na creación de zonas de xogo. Este campo de peticións descóbrenos a visión urbanística e o ánimo de planificación dos nosos nenos, que chega a contemplar mesmo a necesidade de diferenciación dos espazos por idades e destinatarios: “Un parque para pequeños, un parque para grandes, uno a la izquierda y otro a la derecha. Por lo menos un parque de fútbol y baloncesto.”

A maioría, porén, conténtase con ter… tobogáns. Ou “togoganes”, que nos escribe Jhovana, unha das máis cativiñas, sen esquecer “arena para los perros”. Agustina, pola súa parte, solicita “que hagan parques para niños y niñas al lado de la biblioteca, para que los niños jueguen y se diviertan”.

Finalmente sae tamén o lado comprometido e consciente, e algúns nenos e nenas lembran ás autoridades a necesidade de termos no barrio ” una residencia de ancianos y un centro de la tercera edad”. Que lles parece?! Con rapazada así, o futuro -mellor- está garantido!

Advertisements

Acerca de xavier campos

Traballo na Biblioteca Ágora, da Coruña. Interésame todo o que ten a ver coa cultura como ferramenta para o cambio social. Creo nunha Biblioteca que mire máis alá de si mesma.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: