Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

A nosa xente

Anton de Lousa e ElviraPrimeiro, as persoas. Por Ágora pasan cada día xentes da Agra do Orzán, do Ventorrillo, de Mariñeiros, do Peruleiro, da Silva, de Visma…

Todas elas forman parte da nosa Biblioteca. As que levan aquí desde que naceron e as que chegaron onte, ou antonte. As que levan nos ollos a memoria da Gramela e de Visma e as que traen con eles imaxes de Dakar ou Montevideo ou Marraquetch ou Malabo, para compartilas cos que esteamos dispostos a ver e a escoitar. As que viñeron da Costa da Morte e as que chegaron das costas de Senegal. As que mudaron de barrio e as que cambiaron de aldea.

Mozos e maiores, nenas e nenos. Persoas con enrugas na faciana e nas mans, aradas polo tempo, e persoas con pel de ameixa nos seus poucos meses de vida. Todas e todos convivimos neste territorio de xentes traballadoras, aberto ao Atlántico e aos seu camiños.

Somos de aquí

Onde estamos agora, debaixo desta Ágora das palabras, medraron antes flores e viaxan augas subterráneas, así nolo teñen contado. Nós queremos hoxe que, coma un río, de aquí emerxan as voces e as memorias da xente que habitou e habita esta contorna: a do señor Paco de Visma, a de Nieves de Alarcón da Silva, a de Lecho dos Mariñeiros, a da señora Carmen festexando na rúa Cuba, … eles e elas son o tesouro da memoria e da identidade, imprescindible punto de partida para construír o futuro. Moitos deles chegaron hai décadas desde a comarca de Bergantiños, unha área de procedencia moi común nesta zona. Outros e outras xa naceron aquí. Dá o mesmo.

No día a día, e nas mudanzas desta zona, tiveron e teñen moito relevo as mulleres e homes que, colectivamente, pensan e propoñen polo bencomún e activan desde abaixo cidadanía, veciñanza. Persoas coma Xosé Ramón Calvete, da Asociación de Veciños de San Pedro de Visma, coma Mariluz Martínez e Carlos Suárez, da Asociación de Veciños da Agra do Orzán, coma Rosa María Barreiro ou Xosé Luís Brandariz, da AA.VV. do Ventorrillo, ou coma Ana María Rodríguez, da AA.VV. de Peruleiro-Mariñeiros. Os colectivos dos que forman parte son elementos claves do decorrer dos barrios da zona Ágora.

Camiños de ida e volta

Nesta Galicia afeita a emigrar polo mundo adiante sabemos ben da ferida persoal e humana do desarraigo, da distancia cos nosos, da incertidume diante dunha vida nova que hai que construír. O modelo de emigración que nós vivimos é o que agora vemos que se reproduce aquí: os que veñen primeiro chaman polos que veñen despois, normalmente coñecidos, familiares, veciños.

A maioría dos estranxeiros que viven nesta zona son inmigrantes de orixe africana (fundamentalmente do Senegal e de Marrocos, aínda que tamén temos veciños e veciñas con orixe na Guinea, en Camerún e noutros lugares) ou sudamericana (especialmente do Uruguai, de Colombia e da Arxentina).

Gedeón 22Aprender as linguas para facerse entender (o galego e o español), buscar traballo, mirar de ter onde durmir, … custa esforzos, disgustos, incomprensións. Os inicios non son fáciles.  Por iso ao chegar aquí o habitual é agruparse en colectividades de apoio (Aseser Teranga, dos senegaleses, é un exemplo) ou en asociacións formais e informais que traballan a prol da diversidade e da xustiza social (ONG Viraventos, ONG Equus Zebra, ONG Xabier Pita, Asociación Sen Papeis, ONG Tierra de Hombres, Cáritas,  …).

Na Biblioteca Ágora queremos ser un punto de apoio para todas estas persoas e colectivos.

Advertisements

Acerca de xavier campos

Traballo na Biblioteca Ágora, da Coruña. Interésame todo o que ten a ver coa cultura como ferramenta para o cambio social. Creo nunha Biblioteca que mire máis alá de si mesma.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: