Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

O libro dos (vosos) desexos

Desde o comezo do traballo que levaría á apertura da Biblioteca tiñamos claro que o importante tiña que ser a utilidade, servizo e calidade de vida que a mesma podía achegar ás veciñas e veciños dos barrios da nosa contorna. Queríamos saber, tamén por iso, cales eran os desexos e aspiracións dos usuarios e usuarias con respecto á Biblioteca e en relación ás súas vidas cotiás. E vaia se nolo dixestes! Foron centos de tarxetas as cubertas por maiores e pequenos, mozos e mozas, visitantes ocasionais ou socios xa asiduos que imos coñecendo.

Con respecto ao contido…pois houbo de todo! Houbo quen entendeu e atendeu á vontade primixenia do libro dos desexos e houbo tamén quen, de forma divertida e xovial, se dedicou a solicitar o que resultou ser a demanda maioritaria de boa parte dos e das que nos visitaron ata o día de hoxe: que o Dépor suba a primeira división. Non está na nosa man exactamente, mais conste que o desexo tamén é compartido por todas e todos os que aquí traballamos, so pena de excomunión bibliotecaria.

Con todo, o do ascenso deportivista non foi a única aspiración colectiva que se nos fixo saber. Pasamos a resumir e agrupar, xa que logo, os máis habituais, todos eles igualmente nobres e desinteresados.

Grupiño 1. Que o Depor suba a Primeira xa.  Como xa indicamos, foi un dos desexos máis comúns, se non o máis. A formulacíón era simple e clara, mais admitía variacións (Que ascienda el Depor y que vuelva Capdevila. / Ojalá ascienda el Depor y juegue con el Barça. /Forza Dépor a primera. Vamos Riki!). Con todo, houbo quen non se vía completamente realizado e aproveitaba para pedir, xa de paso (Y cundía que ganase un euromillón así y tal y cual).

Grupiño 2. Aprobar todo (sen estudar!). Tal comprensible propósito mantén con esperanza aínda a un bo número de adeptos á causa do premio sen esforzo. As posibilidades son tamén diversas, desde os máis desacomplexados (quiero aprobar todo sin estudiar) ata os que apostan polo uso da lóxica (aprobar lingüística y congénita…a poder ser antes de acabar la carrera) pasando polos que suplican que as divinidades se apiaden dos seus esforzos (aprobar todas, porfa!) ou os premien en abundancia (aprobar todas las asignaturas antes del verano y que me toquen dos plenos al 15 en la Quiniela).

Grupiño 3. Te quiero, churri. Ai, o amor. Tema central da vida e da historia da humanidade, e que en determinadas fases vitais aínda ocupa con maior intensidade as nosas horas de anceios, desvelos e desexos confesábeis e inconfesábeis. Hainos directos e correspondidos (Deseo casarme contigo / Yo también), comprometidos (que mi novio y yo duremos muchos años/ estar con mi novio para siempre / pasar el resto de mi vida junto a ti), esperanzados (que el chico que me gusta me quiera), románticos (Desexo compartir a miña vida contigo para sempre. Pode que se pecho os ollos se cumpra) e non tanto (Ser feliz con mi esposa; con mucha pasta). E , para alén dos devanditos, restan os platónicos e futbolísticos (casarme con Sergio Ramos / te quiero Piqué).

Grupiño 4. Criptozooloxía aplicada. O concienzudo traballo dos nosos compañeiros do CCI dá os seus froitos e promove transmutacións máis alá dos xéneros. A teoría queer, Foucault, Butler, …todo queda obsoleto ao lado das ansias dos nosos usuarios máis pequenos, que piden abertamente tener una cola de sirena  ou ben tener colmillos ou (si, nos gusta!) ser un unicornio.

Grupiño 5. Arredor da crise. Aquí poñémonos máis serios e serias. Moitos usuarios manifestan unha lóxica preocupación polo contexto de crise, recortes nos dereitos sociais e laborais e falta de perspectivas de traballo que vivimos. Sumámonos, como non podía ser doutro xeito, ás súas demandas e desexos: Que vengan años mejores con trabajo para todos y que el barrio mejore / que acabemos con esta crisis / que acabe a crise / que acabe a crise e volvamos ter traballo / mucho trabajo y salud para todos y más puestos de trabajo. Pois si, desde logo que si.

Grupiño 6. Por pedir que non sexa. A variedade de desexos é ampla coma a propia natureza humana, e en función das idades e das situacións particulares centra a súa atención nuns ou noutros motivos. Así, hai quen se conforma con toda la colección de Doctor Slump, quen pide ter un cumple xenial, quen ansía vender la plaza de garage, quen devece por (e nós con ela) comer tarta casera que hace mi mamá, quen quere ter unha blackberry  e quen o que busca, no fondo, é ser millonaria, sexa a través de que me toque la bonoloto, deseo que me toque el euromillones ou que me toque la lotería!!!.  

Na lista de peticións que chamaron a nosa atención están tamén as seguintes:

  • que la serie de Bob Esponja dure mucho (quédanos a dúbida de se o desexa o neno/nena ou o pai/nai)
  • deseo conocer a Tim Burton
  • deseo ser la novia de Justin Bieber (esta podería estar no grupiño amoroso)
  • que resucite Kurt Cobain (canto grunge o pediría tamén!)
  • que me agregueis al tuenti (iso está feito, home!)
  • conocer a Cars 2
  • deseo una batería de Colacao (siiiiiiiiiiiiiiiiii!!!!!!!!!!!!!!!!!!!)
  • ir a Terra Mítica
  • un cachorro de labrador (pero despois hai que coidalo como se merece, eh!!)

Grupiño 7. Desexos ortograficamente imposíbeis. Pois iso. Kiero un llate. Que pongan calezación. Pido ha Dios paz y amor para todos.

Grupiño 8. Te quiero tiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiaaaaaaaaaaaaaaaaaaaa. Que bonito o amor adolescente e que bonitos e sentidos os milleiros de bicos posados e que suben cada fin de semana aos fotologs con sistemas ortográficos e gramaticais máis innovadores que o proposto por García Márquez. A exaltación da amizade leva a fortes sentimentos grupais (las octopus féminas estuvieron aquí y lo pasaron muy bien, os quiero muchito, coleguis), mais tamén a sinceros desexos de que a relación perdure no tempo (estar SIEMPRE al lado de la mejor amiga del mundo y cumplir TODOS esos planes a su lado). As relacións nas aulas son tamén moi relevantes, e para alén das peticións de amizade a tuentis e facebooks varios, varios mozos e mozas solicitan que a xente do meu curso sexa amiga e así poder xogar con moita xente. E están os casos particulares: Lore e Uxía queren ser amigas para siempre, mais tamén que el Madrid gane la Liga y la Champions (Uxía) ou simplemente que el Madrid gane la Liga (Lore). Tememos as represalias de Mourinho para a falta de ambición branca desta segunda usuaria. Caso aparte son Sira, Lucía e Eva, quen ademais de teren unha amizade fortemente asentada e evidenciada en varias tarxetas con mensaxes similares de cariño mutuo, aspiran a que a Biblioteca Ágora no cierre nunca.  Así nos gusta! Sodes fantásticas!

Grupiño 9. Reivindicacións varias. Gústanos que moitos e moitas usuarias fosen esixentes e aproveitasen para reivindicar causas diversas. Poñemos aquí as que fomos identificando: 

  • Ágora si, Parque tamén.  Comezan as reivindicacións, e unha das primeiras ten a solicitude de que o barrio conte, ademais de co Ágora, cun parque público como espazo de lecer e encontro, que varias persoas sitúan no Parque Metereolóxico da Agra.
  • Accesibilidade. Queremos ter un barrio accesible / tener un barrio accesible para todo el mundo / …
  •  Monarquía ou República? Un usuario teno claro: Por unha terceira República e unha lei electoral máis xusta. Todo o poder para o pobo. Fóra os Borbóns!!
  • Outras… Non á discriminación / Non á violencia de xénero / Máis colexios públicos no mundo / Cultura libre para todos…

Grupiño 10. Máis actividades culturais no Centro. En xeral a veciñanza móstrase encantada co Ágora e fáinolo saber de moi diversas maneiras, pero tamén se aproveita a ocasión para solicitar máis actividades e oferta cultural e de lecer. Moita xente demanda que o centro abra sábados e domingos para, fundamentalmente, ofrecer cine y teatro alternativo los fines de semana,  programación de cine, unha boa programación de cine non comercial, cine aínda que haxa que pagar… Ademais de cinema pídese tamén concertos e exposicións, cafetería, futbolín, pilates, ximnasia rítimica, bicis para chegar ao Ágora, actividades para nenos e nenas, unha aula de pintura, …

Grupiño 11. Peticións para a Biblioteca.

  • Silencio, por favor! A principal é, sen dúbida, a demanda de máis silencio. Varias persoas pídeno ou mesmo o esixen, en base ás súas necesidades de concentración para estudar, facer as tarefas, ler ou facer traballos. O certo é que comprendemos a petición, mais cómpre aclarar que a nosa Biblioteca non é unha biblioteca con salas de estudo, senón unha biblioteca de préstamos, actividades de dinamización e acceso a materiais diversos. Nese sentido, cómpre que o volume dos ruídos sexa baixo e non moleste ao conxunto dos usuarios, pero non vai ser nunca inexistente nin imos ter un silencio absoluto nas nosas salas. Conversar, encontrarse, ler, traballar, … ten que ser posible se entre todos e todas mantemos unhas regras básicas de respecto e convivencia.
  • As coleccións enteiras de… personaxes que atraen a fidelizan aos nosos usuarios. Pídennos la colección de libros de True Blood, tener la colección de Monster High ¡¡¡Toda!!!, más libros de Gerónimo Stilton y Kika Superbruja.
  • Máis libros en galego. Varios usuarios consideran que a presenza de documentos na nosa lingua é escasa aínda na Biblioteca, e fánnolo saber. Moitos máis libros en galego. Palabras en galego para vivir aventuras universais.
  • Taquillas. Taquillas para guardar la chaqueta, que hace mucho calor!!. Aire acondicionado y taquillas.  
  • Máis xornais (deportivos). Vese que o Marca non colma as lecturas de boa parte dos usuarios. Deportivistas e culés piden tamén DXT Campeón, Sport, As, …

Grupiño 12. Desexos entrañábeis. Volvemos poñernos serios. Un bo feixiño de tarxetas de desexos conteñen verdadeiras e sentidas peticións de saúde ou compañía para os seres queridos, desexos de reagrupación familiar ou de consecución dunha felicidade que se intúe non existe nestes momentos. Oxalá todos eles se poidan facer realidade e oxalá desde a Biblioteca sexamos quen de facer mellor, aínda que sexa só un chisquiño, a vida de todos e todas vós.

Grupiño 13. Desexos elevados. Aínda queda xente desinteresada e de nobles aspiracións. Hai quen o único que pide é a paz mundial, outros e outras que reflexionan sobre o papel da cultura (la  cultura es libertad de mente), quen pensa que debemos aprender a disfrutar de  lo que tenemos  e quen quere amor y felicidad para todos. Dúas mensaxes deste grupo tocáronnos de verdade o corazonciño. Dous nenos (ou iso semella pola caligrafía) piden  Que nadie tenga miedo a nada, porque nadie le va a hacer daño e tamén que nadie esté malito. Dicide que si, e bicos grandes para vós!!!

Grupiño 14. Penúltimo. Outsiders. Porque si. Desexo ser patrulla rural da Garda Civil. Desexo ser Leo Messi. Desexo ser Policía Nacional e viaxar por todo o mundo. E por aí…

Remate. Escollemos tres tarxetas, que poñemos enteiras, para o peche desta longa e agardamos que interesante entrada do noso blog. Resumen ben os vosos desexos, mais tamén os nosos.

As Bibliotecas fanas os lectores, cando estas son fontes e non estanques. Que a vosa fonte non se esgote xamais.

Desexo que non perdamos a esperanza de imaxinarmos unha vida, unha cidade e un mundo mellores na nova BIBLIOTECA.

La magia existe, depende de ti.

Advertisements

Acerca de xavier campos

Traballo na Biblioteca Ágora, da Coruña. Interésame todo o que ten a ver coa cultura como ferramenta para o cambio social. Creo nunha Biblioteca que mire máis alá de si mesma.

3 comentarios en “O libro dos (vosos) desexos

  1. Sira González
    Marzo 23, 2012

    moi divertido!!!!!!!!!!! aínda que boto de menos os desexos relacionados coa Biblioteca, que imaxino tamén habería ;O)

  2. xavieragora
    Marzo 23, 2012

    Si, si, tes razón. Xa os incluímos agora! Eran tantos que o tiven que escribir por partes!
    Bicos Sira!

  3. Catuxa
    Marzo 26, 2012

    Preciosos desexos para a nosa biblioteca, para o rexurdir do barrio e para que nunca morra a ilusión… ogallá tiveramos unha varita máxica para cumprir moitos deles.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Información

Esta entrada foi publicada o Marzo 23, 2012 por en Biblioteca,Persoas , , , , .
%d bloggers like this: